Thursday 28 de March de 2024

A Deputación da Coruña achegará máis de 20.600 euros á Asociación Coruñesa de Promoción de Xordos para o seu servizo de logopedia bilingüe


Colabora tamén coa Asociación Anhidacoruña, para nenos e nenas con hiperactividade e déficit de atención

A Deputación da Coruña, a través dun convenio por valor de 20.605,9 euros, colaborará co servizo de logopedia bilingüe posto en marcha pola Asociación Coruñesa de Promoción de Xordos.

Con esta achega a entidade poderá financiar o 58,31% do custo total do programa que permite aos seus socios dominar as dúas linguas oficiais na nosa comunidade, galego e castelán. En concreto, se asumirán os gastos de persoal de dous profesionais, así coma facturas de luz, teléfono e internet.

Esta asociación traballa na atención de persoas con algún tipo de discapacidade sensorial auditiva e, en ocasións, con outras discapacidades asociadas á xordeira.

Anhidacoruña
Por outra banda, e continuado coas axudas a entidades sociais, a institución provincial achegará 5.000 euros á Asociación Anhidacoruña, para nenos e nenas con hiperactividade e déficit de atención, co obxectivo de colaborar na financiamento das I Xornadas por unha Escola Inclusiva.

Esta entidade fundouse para defender e salvagardar os dereitos das persoas con déficit de atención e hiperactividade e así, día a día, intenta mellorar a calidade de vida dos seus socios. Coma novidade, entre as súas actividades, realiza unhas xornadas orientadas á comunidade educativa co obxecto de analizar a posta en práctica de protocolos de actuación para adolescentes que sofren un trastorno de aprendizaxe.

Coa achega da Deputación asumirase o 32% do custo de honorarios de conferenciantes, o equipo psicopedagóxico de talleres, así coma gastos de material e difusión.